jueves, 2 de abril de 2009

As sogras

Son un dos grupos máis vilipendiados pola fala popular. Podemos atopar multitude de refráns, ditos e coplas alusivos, sempre con connotacións pexorativas. A meirande parte destas expresións son postas en boca das noras e non dos xenros, pois a existencia na sociedade tradicional dunha clara división dos labores e responsabilidades segundo os xéneros propiciaba unha maior conflitividade entre elas.
- Acórdate sogra que fuches nora.
- Catro noras fixeron unha sogra de zucre e saíulles amarga.
- Sogra, avogado e doutor, canto máis lonxe millor.
- Sogra non hai unha boa.
- ¿Sogra? Nen mala, nen boa.

Coplas:
Miña sogra querme mal
porque lle casei co fillo,
heille de mandar dicir
que o meta no bolsillo.
(Concello de Mesía)

Miña sogra querme mal
porque lle falo co fillo,
heille de mandar recado
que o meta nun bolsillo.
(Concello de Arteixo)

Á túa porta non vou
anque me pelees ben,
túa nai é medio meiga,
ameigarame a min tamén.

Anda diciendo tu madre
que no me quiere por nuera;
¿quién le dijo a esa señora
que yo la quiero por suegra?
(Concello de Mesía)

Pasei pola túa porta
e mirei polo ferrollo,
a ladra/loba/porca de túa nai
metéume un pau por un ollo.

No portal de meu sogro
apurráronme os cans
e saleu miña sogra
cunha tranca na man.

¿Cómo quieres que te quiera
y que te tenga cariño
si la ladra de tu madre
se mete siempre conmigo?
(Concello de Mesía)

Parte da antipatía mostrada hacia as sogras traládase ás irmás do home, é dicir, ás cuñadas, principalmente ás solteiras que convivían na casa. Os ciumes, as preferencias e a división do traballo eran a principal causa dos conflictos. Do mesmo xeito tamén as irmás do home mostraban ás veces o seu rechazo á cuñada.


Non te quero, nena,

que non vales nada,

non te quero, nena,

por miña cuñada.

As barreiras que se creaban entre os xenros e as noras e os sogros e, sobre todo, as sogras manifestábanse de moitos xeitos e un deles era o trato cotiá. Moitos dos nosos informantes manifestaron non saber como chamarlle. Houbo quen se decatou que nunca lles chamara de ningún xeito no intre de presentarlle o obradoiro de "Así foi..." (http://www.asifoi.blogspot.com/) sobre este tema.
En efecto, algúns xenros e noras dirixíanse ós sogros con expresións como "mire", "oeu", "e logo"...; outros como "patrón" e "patrona"; "señor" e "señora", pero sen dici-lo nome; "avó" e "avoa", despois de nacerlles o primeiro fillo; "padriño" e "madriña", cando os avos eran padriños de bautismo dalgún dos netos, algo bastante frecuente; "tío" e "tía" seguido do nome (o mesmo que ós padrastros e ás madrastras), que era un xeito bastante habitual de chamarlle os nenos ás persoas de idade avanzada en moitas nosas aldeas; en casos máis excepcionais e, sobre todo as mulleres, dicíanlles "mamá" e "papá", seguido do nome de pila, para diferencialos dos seus propios pais; algún dos máis novos dirixíase ó sogro como "xefe" e, incluso "sheriff"; e sempre de "vostede".

Homes e mulleres construían un verdadeiro muro afectivo entre eles e os seus sogros de raíces culturais profundamente arraigadas na sociedade tradicional galega, de xeito que a desconfianza e a retranca marcaban a convivencia, coma se outro tipo de relación máis confiada e afectuosa fora unha afrenta á familia propia.
Pola contra, observamos unha maior tendencia dos sogros e das sogras a plantexa-la súa relación con xenros e coas noras dun xeito máis racional, en función da súa actitude, comportamento, valores e personalidade.



No hay comentarios:

Publicar un comentario